Centro de Estudos Galegos da Universität Heidelberg

Galego | Deutsch
3831526858_0402f380b8_b

Monte Pindo

O Centro de Estudos Galegos quere constituírse nun abeiro capaz de propiciar un foro de xuntaza centrado na complexidade de Galicia. Trataríase de pór de manifesto a enorme riqueza e heteroxeneidade que latexa na nosa cultura, dende puntos de vista tan dispares como a produción cultural (novela gráfica, música, arte, fotografía, literatura, cinema, etc.), ata a económica, pasando pola sociolóxica e a política. Galicia, polo tanto, convertida nun punto de referencia para a observación doutras culturas, no marco europeo e global, libre dos estándares hexemónicos que pretenden suxeitar a diversidade sociocultural do mundo.

O principal obxectivo é ser o motor dun diálogo, tanto fóra como dentro do mundo académico, sobre a Galicia contemporánea dende múltiples perspectivas e olladas internacionais. Sobre todo, procúrase fomentar un intercambio transcultural produtivo con Alemaña, indo máis alá do simple feito de procurar un recoñecemento exterior da cultura galega no escenario global.

As relacións transculturais e as dinámicas de mudanza social son unha constante histórica de todos os sistemas culturais, pero nos últimos anos o proceso globalizador incrementou o seu ritmo e radio de acción. Como resultado desta dinámica, serán do noso especial interese alicerzar puntos de contacto entre Alemaña e Galicia e, en consecuencia, prestixiar a cultura galega no exterior para poder potencia as posibilidades dunhas redes activas dunha galeguidade multinacional e emancipada.

Director: Prof. Dr. Óscar Loureda Lamas

Lector: Gabriel Pérez Durán

ibby2010

Cartel do Congreso IBBY (International Board on Books for Young People) celebrado en Santiago de Compostela no 2010. A ilustración do cartel é de Xan López Domínguez

 

Estudar galego?

Galicia é unha Comunidade Autónoma pertencente a España e unha das chamadas nacionalidades históricas, ao igual que Euskadi e Cataluña. Está situada no noroeste da Península Ibérica, na costa atlántica. Este territorio ten unha lingua de seu: o galego, unha das catro lingua cooficiais de España e falada por case 3 millóns de persoas; amais dunha comunidade de emigrantes espallada, principalmente, por América LatinaBrasilEuropa Australia.

Achegarse ao coñecemento da lingua e cultura galegas permitirá ao alumnado desenvolver un mellor entendemento da historia, política, economía e sociedade da Península Ibérica. Por outra banda, o galego ten aberta outra porta: o mundo da Lusofonía. Un contacto moi estreito a través da lingua e do tronco común, o galego medieval ou galego-portugués.

En definitiva, a lingua e cultura galega é unha ponte entre o mundo do Hispanismo (Estudos Ibéricos) e a Lusofonía, así como unha oportunidade de introducir unha visión máis rica e poliédrica da realidade das linguas e culturas románicas (Romanística). Isto supón unha mellor comprensión a nivel socio-político e económico da Europa actual e, polo tanto, unha mellor capacidade de diagnose e de propoñer solucións a problemas que afectan directamente á construción europea e aos países que forman parte dela.

A visión dunha cultura minorizada, como a galega, significa a introdución de novos materiais que comezan a ser na Romanística, o Hispanismo e a Lusofonía. A superación dun modelo monolítico destas disciplinas académicas abre un espazo para materiais (culturas minorizadas, historia oral, música, escritoras, literatura oral, cultura de masas,…) que ata o momento foron marxinados dos planes de estudos. Incorporar esta bagaxe estimula un coñecemento máis completo das sociedades que estas disciplinas pretenden analizar. Certo é que as disciplinas académicas son auténticos campos de batalla, onde determinados temas son estudados e outros desbotados, pero se se quere construír unhas disciplinas coherentes que teñen que desenvolver o seu discurso teórico a partir da súa propia realidade (Joam Ramón Resina 2009), a teoria non debe dictar a realidade, pode contribuír a modificala, pero nunca constrinxila aos ditados prederminados (ibid.).

Case resulta un tópico falar da globalización (tendo en conta que a transmisión de información, sempre existiu nas sociedades humanas, poñamos por caso as antigas rutas comerciais como a Ruta da Seda. Só que agora a velocidade nesa transmisión de información é francamente moito máis rápida). Na actualidade, como sinalou Walter Mignolo, faise necesario desenvolver a habilidade de vivir entre lingua e culturas. O feito de favorecer o coñecemento de linguas e culturas minorizadas posibilita unha maior capacidade de análise e resolución que demanda a sociedade de hoxe en día.

Estudar galego en Heidelberg?

O Centro de Estudos Galegos da Universität Heidelberg oferta diferentes materias de lingua e cultura galega no Romanisches Seminar e no Institut für Übersetzen und Dolmetschen (isto inda está en proceso de creación). Dentro dos diferentes planos de estudos do Romanisches Seminar (GymPo I 2009 e WPO 2001), as materias de lingua e cultura galegas pódense estudar como segunda lingua románica e ademais a temática sobre a España plurilingüe forma parte dos temas que entran para o Staatsexam do Romanisches Seminar. Por outra banda, o plano de estudos complétase cun proseminario que varía segundo o ano, pero sempre terá como punto central algunha temática relacionada con Galicia. Nun futuro próximo, engadirase outras materias sobre conversación, prácticas de tradución audiovisual e literaria e escritura creativa.

As materias para o Semestre de Inverno 2014-2015 son:

Á marxe das actividades académicas e extracurriculares que se fagan cada ano, tamén se preparará ao alumnado para superar as probas do CELGA, o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas.

 

Erasmus en Galicia

Se desexas estudar fóra, unha posibilidade é realizar unha estadía en dúas das tres universidades galegas. A través do programa Socrates e Erasmus podes desfrutar dunha boa oportunidade e unha enriquecedora experiencia. Tanto a Universidade de Vigo como a de Santiago de Compostela están entre as mellor valoradas de España como destino Erasmus. O ano pasado o portal web StudyPortal, líder na procura e selección de estudos superiores europeos, organizou os International Student Satisfaction Awards en que estas universidades galegas recibiron cualificacións de 9 sobre 10. Para máis información consulta as súas páxinas web:

  • Universidade de Santiago de Compostela (www.usc.es). Hai dispoñibles catro prazas completas, 2 no Romanisches Seminar e outras dúas Institut für Übersetzen und Dolmetschen.
  • Universidade de Vigo (www.uvigo.es). Están dispoñibles dúas prazas completas no Institut für Übersetzen und Dolmetschen.

Se estás interesado nesta posibilidade, ponte en contacto cos coordinadores do ano no estranxeiro en España:

 

 Curso de verán de galego en Galicia

As universidades de Santiago de Compostela e da Coruña ofrecen escolas de verán en Galicia, ás que poden asistir tanto os estudantes coma os adultos interesados. O principal obxectivo destas escolas, normalmente desenvoltas durante o mes de xullo, é dar ao estudante a oportunidade de adquirir familiaridade coa lingua e coa cultura propias. Estes cursos tamén inclúen varias viaxes de un día e excursións a algúns dos lugares máis interesantes do país. Aquí tes algúns datos sobre os cursos:

  • A Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto da Lingua Galega (ILG) ofrecen cursos de verán de galego para estudantes estranxeiros de nivel elemental, medio e avanzado. O obxectivo fundamental deste curso é dar a oportunidade ao alumnado de adquirir familiaridade co galego e coa súa situación sociolingüística. Ademais de clases de lingua galega e de seminarios introdutorios á literatura e a historia de Galicia, o curso inclúe excursións e visitas a lugares de interese cultural e paisaxístico. Para saber máis sobre este curso visita: http://ilg.usc.es/gl/actividades/cursos-de-veran-de-lingua-e-cultura-galegas-2014 e http://cursoslinguagalega.wordpress.com/.
  • A Escola de Galego da Universidade da Coruña realiza cursos na Facultade de Filoloxía, no campus universitario. Inclúe 80 horas de clase durante o mes de xullo. Para máis detalles sobre este curso de verán, visita: http://www.udc.gal/snl/VII_curso_veran_lingua_cultura_galegas.html

Todas as escolas de verán de galego ofrecen bolsas de ata 450 euros ás persoas inscritas. Para saber como solicitalas, contacta con Gabriel Pérez Durán (gabriel.perez.duran[AT]iued.uni-heidelberg.de.

Para ilustrar todo isto, propóñoche que vexas a continuación o filme no que Daria Shornikova recolle as súas impresións do curso de galego que realizou en Santiago de Compostela. Paga a pena velo.

[vimeo http://vimeo.com/9267106%5D

 

A rede de Centro de Estudos Galegos

Secretaría Xeral de Política Lingüística mantén convenios de colaboración con diferentes universidades de fóra de Galicia co ánimo de crear lectorados e cátedras de galego que potencien e difundan a lingua e o coñecemento da cultura galega no eido internacional. Na actualidade existen 47 centros de estudos galegos en diferentes universidades de Europa, América e Oceanía. A maior parte delas contan con lectores/as –licenciados/as en Filoloxía Galega ou/e en Traducción e Interpretación-, asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua e galegas. Catro deles atópanse en universidades de Alemaña: Kiel, Berlín, Leipzig… e Heidelberg.

E que mellor forma de ilustrar isto que escoitar as experiencias do alumnado de galego en primeira persoa? Grazas ao documental colaborativo Eufalo.tv podemos acceder a moitas desas impresións.

Katja Bode é alumna do máster de Tradución en Leipzig (Alemaña) e estuda galego dende hai nove meses. Estivo de Erasmus en Santiago de Compostela e quedou namorada de Galicia e da cultura galega. Neste vídeo, gravado no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Leipzig, cóntanos o gran potencial que lle ve á lingua galega.

A modo de exemplo da actividade destes centros, vai a continuación unha conversa gravada con Ness, alumna do Centro Galego de Birmingham.

E Ben fálanos da súa experiencia na Universidade de Oxford:

Pero non todo vai ser a universidade. A historia de Cath Müller é ben curiosa. Ten 26 anos, estuda filoloxía inglesa e é alemá, pero leva 3 anos vivindo en Bastiagueiro. Cando veu vivir aquí decidiu aprender a falar en galego sen ter moita idea de falar en castelán.

Se queres saber máis sobre o noso labor, colaborar co CEG ou simplemente contactar connosco, non dubides en escribirnos!

 

Unha reflexión sobre “Centro de Estudos Galegos da Universität Heidelberg

  1. Pingback: O Ximnasio dos verbos – Proxecto Trasno

Deixar un comentario