Recensión: o fondo da pota

Xavier Alcalá

por Cristina Carreño Fernández

O famoso e coñecido libro A nosa cinza (1980) de Xavier Alcalá; o célebre escritor español en lingua galega, posúe a habilidade de mostrar as mil facetas que ten o paso da nenez á adolescencia de xeito atemporal, facéndonos sentir identificados e verdadeiramente engaiolados na historia do noso protagonista, un rapaz que vai evolucionando ao longo da historia, cos seus momentos de éxito e de fracaso, coas súas vitorias e derrotas.

Non é que a vida de Xoán (o noso prezado protagonista) sexa máis importante ou menos ca dos demais, pero achega unha visión introspectiva impresionante sobre a formación dunha persoa en todos os ámbitos (escolar, relixioso, social, sexual etc.) e, á vez, unha panorámica xeral desta etapa histórica sempre tan recorrente na literatura (a posguerra), sen esquecer os acontecementos máis destacados da mesma, que son integrados e manifestados nos cambios e progresos da mentalidade do cativo.

O libro contén innumerables personaxes con visións absolutamente contrapostas do que constitúe o mundo e iso é, persoalmente, o que fai do libro un éxito absoluto, o choque entre os diferentes xeitos de ver o mundo e como afecta isto a un pequeno que aínda está a se formar, e que pode ser vulnerable e influenciable a todas estas variedades.

Grazas a esta contraposición de pareceres, os personaxes apórtannos dende os máis acertados e meditados consellos, ata as máis tabúizadas crenzas populares. Do tipoA filosofía máis fonda desta vida non chega máis fondo que o fondo da pota de caldo de todos os días.” son as sentenzas que atopamos ao longo de toda a apaixonante novela, que ten tamén a habilidade de facermos reflexionar sobre as propias crenzas e dubidar sobre as nosas certezas sen impoñer nunca unha.

O que eu máis quería salientar desta novela, e, o que eu tamén aprendín dela, é precisamente que unha persoa defínese polo conxunto dunha mentalidade común e non só por el mesmo como ás veces pensamos. O que quero dicir é que estamos condicionados polas circunstancias, xa sexa a época histórica na que nos atopamos, a posición económica da nosa familia, e despois, eso si, as nosas eleccións; moitas veces tamén condicionadas e fortuítas; dos amigos e coñecidos. Outro factor que vai cambiar a mentalidade do protagonista e que será tamén o fío condutor da novela vai ser a conciencia da morte, o medo a ela, e a intervención da relixión como salvación.

Deixádevos seducir polas follas deste libro recheo de emocións e simplicidade, pois é un deses que cando o empezas a ler queres e non queres seguir. Queres, porque xa te encandeou dende as primeiras páxinas, e non queres porque tampouco deveces por terminalo.

Todo ten un comezo e un fin, pero asegúrovos que o desenlace non é para nada fortuíto como o prologuista pensa, senón que ten unha transcendencia absoluta á hora de comprender o conxunto da obra e de entender tamén a mentalidade humana, por iso, como recomendación persoal, aconsellaríavos que non lésedes o prólogo, xa que desvela información valiosa e pode darmos unha mala e (por suposto) errónea impresión do relato.

Improvisierte Poesie und #PoetrySlam: Von mittelalter Spielmann bis zu #Regueifa und #Bertsolaritza

A regueifa (Improvisierte Poesie auf Galicisch)

Mehr Information:

A regueira e o rap

Bertsolaritza (Improvisierte Poesie auf Baskisch)