Por conto alleo: cominar o tiratacos e o froallo

Por Adrián Mosquera Suárez

En 1970, na pequena aldea de Ris do Monte aínda soaban as gaitas, os gruñidos dos porcos, o balbordo dos nenos e a radio da Emilia. A Emilia, francesa afincada entre estes montes e fragas, que deixou a súa franca patria por amor, mais o amor terminou cedo e sen solución: o seu Roque morreu no mar hai xa uns dez anos. “É que eu non entendo que lle ven todos os homes a ese mag do cagallo” repetía sen parar a Emilia. Se non falaba do seu home, escoitaba música francesa que poñía a todo volume. Os nenos podían cantar sen falta algunha o “Ne me quitte pas”, ás veces ríanse da Emilia e facían como se cantaran a canción, dunha forma esaxerada e moi sentimental. Quizais iso era o que mantia con vida a Emilia.

Fotografía de Carlos Valcárcel

Porque as aldeáns, a poñían ben boa. Érache o seu traballo: coser e rexubeirear.

“Ai, que muller, se aínda puxera unha canción do Julio Ighlesias pois aínda dáballe un pouco de aleghria a prasa, pero e que todo o dia co ghabacho ese d’arriba p’abaixo… Non”. “Boh, non dighas parvadas muller que che ghusta moito, non ves que ela sufriu moitísimo e bota de menos a súa terra?” “Ai, pois eu non sei o que terá Francia que non ten a nosa aldea, eh!”. “Non me faghas falar…”.

En fin, nesta rutina aldeá, os nenos atopaban un mundo máxico e cheo de misticismos: as vellas, o capelán, a Emilia, a meiga da Iria, os homes do monte, os poceiros e o don Leonardo. Unha placida tarde de verán estaban os nenos xogando na rúa. Luisiño fixo un tiratacos cunha póla de castiñeiro que atopou no monte. Con ela disparaba a todas as cousas que vía: paxaros, latas, muros, botellas… Así pasou a tarde, ata que se lle ocorreu unha marabillosa idea: darlle ao capelán, que estaba na torre da igrexa, agardando a hora para repicar a campana. Alí estaba el, co seu traxe negro herdado (do que estaba ben orgulloso), e as súas longas e brancas barbas, que lle daban un aire de intelectualidade. Luisiño, co apoio dos outros rapazes, estaba a darlle cando de repente empezaron a caer unhas pingas de choiva. “Antón, vén para casa que aínda que pareza que este froallo non molla, molla, e vén, vas coller unha pulmonía!”, escoitábase berrar a nai dun neno na praza.

A pesar da treixada, Luisiño seguía decidido na súa tarefa. E fíxoa ben feita. Disparoulle ao capelán directo no ollo, coma que empezou  a berrar o home. “CAGHONACO…” berrou, ao paso que tropezou cun pé e caeu fóra da ventá. O capelán, agarrado ao peitoril berraba e berraba. Amais que na caída para fóra, rompéuselle a sotana e alí estaba o representante do señor, en calzóns. Os paisanos achegáronse á praza a contemplar tal espectáculo visual. As vellas, entre elas a nai do rapaz, non podían co risa e o Luisiño, escondido tras dunhas silvas, tampouco. O pai de Luisiño en cambio, non tiña tan boa cara. Don Leonardo, co seu traxe e sombreiro branco, achegouse á escena. “Reinaldo, o cura vaiche dar unha boa, penso que peor aínda que aquela vez que che cominou coa prohibición da entrada na igrexa, ha, ha, ha, ha” díxolle o cacique ao pai, entre risos de superioridade. Tamén lle deu unha boa palmada na espalda ao home. Coa pipa na man, chegou o bispo á praza, que viña de Santiago para ver ao seu colega do seminario. A pipa caeu no chan e a eminencia non collía en si. A poboación enteira estábase rindo dun relixioso e ninguén facía nada. As caras repoludas das mulleres e as miúdas dos homes. Os rapazes xogando e correndo polo lugar. As galiñas e os porcos paseándose pola praza. O relixioso desmaiouse e caeu no chan ao mesmo tempo que unha gaivota lle cagou nas barbas. Aquela foi unha boa tarde de verán aínda que para a fe non.

“Que chova!” berraban as rexubeiras. Esas si que estaban ben contentas.

Advertisements