Estudar galego?

ibby2010

Cartel do Congreso IBBY (International Board on Books for Young People) celebrado en Santiago de Compostela no 2010. A ilustración do cartel é de Xan López Domínguez

Galicia é unha Comunidade Autónoma pertencente a España e unha das chamadas nacionalidades históricas, ao igual que Euskadi e Cataluña. Está situada no noroeste da Península Ibérica, na costa atlántica. Este territorio ten unha lingua de seu: o galego, unha das catro lingua cooficiais de España e falada por case 3 millóns de persoas; amais dunha comunidade de emigrantes espallada, principalmente, por América LatinaBrasilEuropa Australia.

Achegarse ao coñecemento da lingua e cultura galegas permitirá ao alumnado desenvolver un mellor entendemento da historia, política, economía e sociedade da Península Ibérica. Por outra banda, o galego ten aberta outra porta: o mundo da Lusofonía. Un contacto moi estreito a través da lingua e do tronco común, o galego medieval ou galego-portugués.

En definitiva, a lingua e cultura galega é unha ponte entre o mundo do Hispanismo (Estudos Ibéricos) e a Lusofonía, así como unha oportunidade de introducir unha visión máis rica e poliédrica da realidade das linguas e culturas románicas (Romanística). Isto supón, unha mellor comprensión a nivel socio-político e económico da Europa actual e, polo tanto, unha mellor capacidade de diagnose e de propoñer solucións a problemas que afectan directamente á construción europea e aos países que forman parte dela.

A visión dunha cultura minorizada, como a galega, significa a introdución de novos materiais que comezan a ser na Romanística, o Hispanismo e a Lusofonía. A superación dun modelo monolítico destas disciplinas académicas abre un espazo para materiais (culturas minorizadas, historia oral, música, escritoras, literatura oral, cultura de masas,…) que ata o momento foron marxinados dos planes de estudos. Incorporar esta bagaxe estimula un coñecemento máis completo das sociedades que estas disciplinas pretenden analizar. Certo é que as disciplinas académicas son auténticos campos de batalla, onde determinados temas son estudados e outros desbotados, pero se se quere construír unhas disciplinas coherentes que teñen que desenvolver o seu discurso teórico a partir da súa propia realidade (Joam Ramón Resina 2009), a teoria non debe dictar a realidade, pode contribuír a modificala, pero nunca constrinxila aos ditados prederminados (ibid.).

Case resulta un tópico falar da globalización (tendo en conta que a transmisión de información, sempre existiu nas sociedades humanas, poñamos por caso as antigas rutas comerciais como a Ruta da Seda. Só que agora a velocidade nesa transmisión de información é francamente moito máis rápida). Na actualidade, como sinalou Walter Mignolo, faise necesario desenvolver a habilidade de vivir entre lingua e culturas. O feito de favorecer o coñecemento de linguas e culturas minorizadas posibilita unha maior capacidade de análise e resolución que demanda a sociedade de hoxe en día.

Estudar galego en Heidelberg?

O Centro de Estudos Galegos da Universität Heidelberg oferta diferentes materias de lingua e cultura galega no Romanisches Seminar e no Institut für Übersetzen und Dolmetschen (isto inda está en proceso de creación). Dentro dos diferentes planos de estudos do Romanisches Seminar (GymPo I 2009 e WPO 2001), as materias de lingua e cultura galegas pódense estudar como segunda lingua románica e ademais a temática sobre a España plurilingüe forma parte dos temas que entran para o Staatsexam do Romanisches Seminar. Por outra banda, o plano de estudos complétase cun proseminario que varía segundo o ano, pero sempre terá como punto central algunha temática relacionada con Galicia. Nun futuro próximo, engadirase outras materias sobre conversación, prácticas de tradución audiovisual e literaria e escritura creativa.

As materias para o Semestre de Inverno 2014-2015 son:

Á marxe das actividades académicas e extracurriculares que se fagan cada ano, tamén se preparará ao alumnado para superar as probas do CELGA, o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas.

Se queres saber máis sobre o noso labor, colaborar co CEG ou simplemente contactar connosco, non dubides en escribirnos!

Deixar un comentario