Os pedais da vida, unha crónica de Cristina Carreño Fernández

por Cristina Carreño Fernández

Unha persoa que viaxa ao estranxeiro ten que ser consciente de que o país para o que vai é, en maior ou menor medida, diferente do seu. Isto non é algo malo, senón que é unha maneira máis de aprender; aprender a relacionarnos, a estar sós, a valernos por nos mesmos, e tamén a coñecernos máis e mellor. É mesmo un modo de apreciar, pois moitas veces non se valora o que se ten ata que se perde, como di o refrán.

Pola miña experiencia admito que ao principio sempre é duro, pero iso non debe botarnos para atrás, senón todo o contrario, darnos forzas e ánimos para seguir coa aventura. A desesperación e a soidade vai ficar durante as primeiras semanas e mesmo meses, pero adiántovos que despois a sensación de liberdade e de realización superará abondo ás anteriores.

No meu caso, Alemaña foi finalmente o destino. Un país cunha historia un tanto sensible e unha lingua interesante foi o que me levou para alá, e agora, para os interesados, contarei as tres diferenzas que atopei, non máis grandes, senón máis significativas, entre esta terra e España.

A primeira é a independencia que lles transmiten aos cativos dende que son pequenos. Van sós en bicicleta por toda a cidade, montan nos tranvías, nos trens, nos autobuses cargados con mochilas máis grandes ca eles, coñecen os sinais de circulación vial, os respectan e os fan. Para min segue sendo motivo de envexa. Esta liberdade que lles dan aos nenos esconde a mentalidade que teñen, pois queren que os cativos tomen dende o principio decisións de seu, que saiban desenvolverse pola vida sen que lles faga falta ninguén. Pode parecer perigoso pero a verdade e que é fascinante. A mesma idea aparece tamén nas autoestradas, que non haxa límite de velocidade en moitos tramos deixa albiscar esa responsabilidade persoal e tamén esa conciencia social ensinada xa dende moi cedo.

A segunda idea, que vai tamén moi relacionada coa anterior, e o aquelados que son coas bicicletas. É absolutamente normal que conduzan sen mans, levando outra bicicleta á vez, falando polo móbil, cargando con alguén na parte de atrás ou mesmo comendo. É impresionante o manexo que teñen deste medio de transporte tan utilizado aquí. A choiva para moitos non é un problema, tampouco a neve, poñen o abrigo, as luvas, o chuvasqueiro e todas as cousas imaxinables e sóbense á bici. Nos días soleados como xa se pode intuír, a marea de bicicletas incrementase ata o punto de ver unha soa masa delas… Hei de dicir tamén que isto non sería posible se non fose pola conciencia ecolóxica tan arraigada que posúen, de aí que poñan a disposición todos os medios necesarios para o uso destes hábitos tan saudables. Todas as cidades dispoñen de carrís bici por todos lados, ¡máis grandes mesmo có espazo para os peóns!

Por último, pero non menos importante, está a transcendencia que lle dan a profesionalidade e a eficacia, que fai que as relacións sexan moito máis frías do que son as nosas, pero é unha frialdade necesaria para eles, e para que as cousas funcionen á hora de conversar, de manter relacións con persoas descoñecidas, cando están no lugar de traballo ou na clase por exemplo; non obstante non temos que interpretalo como algo malo senón como outra forma de ser. Hai moitas formas de ser e non ten porque haber unha mellor ca outra. Despois, e para dar aínda máis confusión ao asunto, hai outras cousas que eu non chego a comprender de todo como, por exemplo, que os pais lle den bicos na boca aos nenos. Ás veces é un pouco confuso, porque agardas ese trato máis distante e de sócato decátaste diso. É un pouco desconcertante.

Agora si, e para rematar, quería facerlles, amigos españois, unha recomendación persoal que van agradecer se viaxan a Alemaña: se che ofrecen e queres, colle, e se ofreces sen querer que collan, pénsao dúas veces. Os alemáns son moi sinceros para iso, eles supoñen que o que se di é o que realmente se quere dicir e non o contrario. Sorte e ánimo se estás por dar ese pasiño e saír ao estranxeiro, só temos unha vida e hai que aproveitala.