Gheada, seseo e outras variantes e rexistro do galego: ás voltas co estándar falado do galego

Como calquera lingua viva, a variación dialectal é do máis normal. Do mesmo xeito, que hai multitude de rexistros. Unha lingua non é plana. Un falante non se expresa do mesmo xeito cando está cos seus amigos, cos seus pais ou en situacións máis formais, como falar perante un auditorio. E xa non digamos, as diferenzas que pode haber entre como falaba unha persoa do século XIX a unha persoa na actualidade.

Non hai moito saiu este video en Youtube, froito dun traballo de clase, feito por Noelia Gómez Calvo, Martín Piñeiro, Ana Rei e Carlos Rey. Estes catro rapaces de Rianxo reinvidicaban o uso de dous fenómenos fonéticos propios da lingua galega: o seseo e a gheada. O certo é que un bota de menos que non haxa máis traballos deste estilo. A ver se máis xente se anima, porque para os que estamos ensinando galego en Alemaña é dunha grande utilidade.

Por fortuna, houbo xa unha resposta por parte de rapaces de Ribadeo. Velaquí o vídeo:

En moitas ocasións en clase, téñovos dito que o galego que vos ensino é a súa variedade estándar. Moitas veces e, grazas aos vídeos anteriores, podemos ver como a ‘realidade’ e máis complexa e chea de moitos matices. Imaxinemos o que nos sucedeu a moitos de nós coa alemán. Vimos para aquí co noso exame aprobado de B2 e ao chegar a primeira oportunidade de falar cunha persoa alemá, entendémola máis ben pouco :-D. A variedade xeográfica do alemán de Heidelberg dista bastante do alemán ‘estándar’ que nos aprenderon. Por exemplo, alguén escoitou a algunha persoa de Heidelberg pronunciar o -en dos infinitivos? Ora ben, non se lle pasaría polo caletre escribir machen sen o -en nun texto para o colexio, por exemplo. Non obstante, o manexo das variedades estándar teñen connotacións de poder que no caso do alemán son máis evidentes, pero non as imos tratar de momento.

Outro cantar é o que se escribe-fala nas redes sociais. É un contexto onde non está moi clara se se trata dun nivel oral ou escrito da lingua, malia que a todas luces a forma principal de interacción é a escrita. Ou é unha oralidade terciaría? Ten os seus propios códigos que inda están por estudar. Déixovos aquí unhas cantas reflexións de Manuel Gago deixou unhas interesantes reflexións sobre isto nunha entrevista sobre WhatsApp.

Polo tanto, parece que nos tempos actuais, ter unha variedade estándar escrita que unifique todas as variedades xeográficas do galego faise imprescindible. Polo menos, ao nivel da escrita, non credes? Igual ca outras linguas da nosa contorna: alemán, éuscaro, castelán, francés, etc. Fariña doutra muíñada é cómo se logra ‘impor’ a variedade estándar e tamén como se constrúe (unha variedade estándar feita de moitos retallos ou unha variedade xeográfica que se impón a todas as demais, como é o caso do alemán). Isto é un problema clásico da estandarización das linguas. Nada novo no mundo!

En liñas xerais, nestas cousas do estándar hai como dous planos básicos, a construción dunha variedade estándar escrita e doutra oral que sexa aceptada por todos. Vaiamos a un caso concreto. Malia que na costa arousá se poda dicir [‘ɡhato̝], [gha’mɛla] ou [‘dɛs] e noutros lugares de Galicia dígase [‘gato], [ga’mɛla] ou [‘dɛθ], non é ningún impedimento que haxa unha variedade escrita que tente ‘unificar’ estas diverxencia escribindo: <gato>, <gamela> e <dez>. Ora ben, cando estamos a ler un texto ou a declamalo, que impedimento hai que cando vemos <gato>, <gamela> o digamos como [‘ɡhato̝], [gha’mɛla] os que teñan gheada e os que non como [‘gato], [ga’mɛla]?

Ambos os dous vídeos poñen de relevo unha cousa importante: que modelo de estándar falado queremos para o galego? Acaso a gheada e o seseo (nas súas múltiples formas) tan só son válidas para usar nun rexistro coloquial? Que impedimento hai en usala en rexistro máis cultos? Houbo algún tipo de organismo como a Real Academia Galega ou o Instituto da Lingua Galega que dixese que a gheada e seseo hai que restrinxilos a eidos máis familiares e coloquiais? Ou, simplemente, non haberá unha carga de estigmatización a estes fenómenos fonéticos?

Reitero: estes rapaces e todo o debate que xeraron (botádelle un ollo aos comentarios!) pon de manifesto avaliar que modelos de estándar falado queremos. Todo isto lémbrame moito a toda a polémica que xerou a serie de TV: Mareas VivasOu mellor, é unha boa oportunidade para rachar coa identificación da variedade estándar coa que se emite na Televisión de Galicia e na Radio Galega. Ou inda peor, o que falan algúns políticos.

Con todo, isto non debe significar que sexa a oportunidade de introducirmos castelanismos a esgalla. Nada máis lonxe da realidade. No Rocho das ideas, déixanos unhas interesantes reflexións sobre este tema. A ver que vos parece?

Advertisements

2 reflexións sobre “Gheada, seseo e outras variantes e rexistro do galego: ás voltas co estándar falado do galego

  1. Pingback: Die galicische Dialektologie: Die geografische Varietäten der galicischen Sprache | Galicien Zentrum der Universität Heidelberg

  2. Pingback: Galicische Geistergeschichte: O morto (der Toter) erzählt von #QuicoCadaval | Galicien Zentrum der Universität Heidelberg

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s