O mes de novembro évos tempo de magostos (Kastanienfest) e defuntos (Verstorbener)

De Luís Davila (http://obichero.blogspot.de)

O mes de novembro en Galicia está cheo de actividades paranormais (as fronteiras entre a vida e a morte quedan un chisco esvaídas) e festeiras a esgalla (magostos, o viño novo, a mata do porco, recollida de noces,…). Todo para facer máis levadeiro o paso do outono ao invernoDe Santos ao Nadal é o inverno carnal ou, tamén o inverno natural. E que mellor forma para levar ese tempos de invernía que con castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño. Como vedes a fraseoloxía galega évos moi útil :-D.

O mes de novembro está cheo de fraseoloxía que define esta enxurrada de acontecementos. Un punto de partida para describir o que sucede é este proverbio: Bendito mes que empeza con Santos, media con san Uxío, e remata con san Andrés! Segmentemos, logo, este refrán: “empeza con Santos”. Estes primeiros días están destinados no calendario católico á lembranza dos defuntos (Verstorbener), un apropiación do mundo precristián que foi cristianizado.

Da noite do 31 de outubro para o 1 de novembro todo o mundo coñece a celebración do Halloween, unha festa norteamerica popularizada e divulgada a través da cultura de masas actual. Con todo, esta tradición non é exclusiva dos Estados Unidos, senón que ten numerosas derivacións na Europa atlántica e céltica. Esta tradición significaba o paso do ano vello ao ano novo. Paralelamente, tamén se dá unha desaparición entre o mundo dos vivos e dos mortos. De aí que, esa fronteira quede diluída. No blog Galego en Euskal Herria recollen varias tradicións que sobreviviron en Galicia que teñen como base esta fronteira líquida entre o Alén (onde están os defuntos) e o Aquén (onde residen os vivos).

pór un prato baleiro á mesa para os defuntos (algo que tamén se repetía noutras datas, como Noiteboa) ou deixar as portas da casa sen pechar para que as ánimas puidesen abeirarse do frío na lareira familiar, por exemplo. Incluso o coñecidísimo trick or treat norteamericano ten paralelos autóctonos en costumes como o migallo, unha especie de aguinaldo que pedían os rapaces polas casas da aldea na noite da véspera de Defuntos, e que Lence Santar aínda puido contemplar en directo no Mondoñedo de comezos do século XX (aínda que hoxe sabemos que era unha práctica estendida por todo o país). No monte do Seixo, en terras de Cerdedo, eran moitas as persoas que subían nesa noite ao lugar de Portalén, onde unha estraña formación pétrea servía como canle para se comunicar co mundo dos defuntos, nunha das tradicións máis interesantes e xenuínas de cantas conservamos en Galiza relacionadas con esta noite.

En relación con esta noite, en que o mundo dos vivos e dos mortos está difuminada, tamén hai outra tradición: a escultura de cabazas con formas de cabeza humana. Na actualidade en Galicia estase a dar polémico revival desta práctica. Para iso, importouse a palabra gaélica Samaín (que significa ‘fin do verán’), que se utiliza na tradició céltica para denominar a véspera do día de Todos os Santos. Non obstante, para algúns como Xabier Cordal tan só se trata dunha forma que “os pobos colonizados reproducen a dependencia sen se dar moita conta, ás veces incluso cando tratan de ceibarse dela mediante símbolos”. Mentre que para outros, como Mario Regueira, manteñen unha distancia exceptica sobre este rexurdimento da tradición do Samaín. Polémicas á parte, o que si está a suceder é que cada vez estase a extender por todo o territorio galego, sobre todo, nos centros de ensino.

Celebración no colexio de San Xoán Bautista

Non obstante, a festa máis popular do mes de novembro é o magosto (Kastanienfest). Nesta celebración ásanse castañas (que se recollen nos soutos [Kastanienwald]) e próbase o viño novo (hai un refrán galego que di: castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño). Esta chea de ritualidade propia que se retrotae a unha orixe pagá relacionada co culto á fertilidade. Tamén se trata dunha comida comunitara e ritual que reforza os vencello comunitarios e agradecer a colleita apañada. Con posterioridade foi asociada á festividade cristiá dos defuntos que se conmemora o 1 de novembro e na provincia de Ourense (Galicia) celébrase o 11 de novembro, coincidindo con San Martiño de Tours, padroeiro da cidade. A día de hoxe, o magosto é unha das tradicións festivas que teñen máis forza en todo o territorio de Galicia.

Aquí vos deixo unha pequena mostra de como é un magosto urbano en Ourense:

Co San Martiño tamén comeza a época da mata dos porcos. O refraneiro galego está inzado de ditos ao respecto: cada porco ten o seu san Martiño ou andar enganado coma un porco no mes de santo. Lembrádesvos do videoclip Galicia Canibal d’Os Resentidos que vimos na presentación do Prof. Dr. Burghard Baltrusch. A que agora ten máis sentido :-D.

E xa para lle pór o ramo a isto, non nos temos que esquecer o refrán inicial: bendito mes que empeza con Santos, media con san Uxío, e remata con san Andrés! E con santo André, o 30 de novembro, remata toda esta serie de festividades que mesturan o mundo dos mortos, a súa relación cos vivos, a recollidada de colleitas e un longo etcétera. Este último santo ten en Galicia un santuario moi importante: Santo André de Teixido. Un lugar circundado dunha chea de lendas e mitos que supón un dos puntos neurálxicos do ADN telúrico da cultura popular galega. Tan só vos deixo unha fotografía de onde está este santuario.

A Serra da Capelada onde se sitúa o santuario de Santo André de Teixido

E como se celebra este mes en Alemaña? Tamén se existe san Martiño? Como é o calendario protestante e pagán en Alemaña?

Advertisements

3 reflexións sobre “O mes de novembro évos tempo de magostos (Kastanienfest) e defuntos (Verstorbener)

  1. Obrigado pola referencia, amigos!
    A vindeira semana, os centros de estudos galegos de Bilbo e Gasteiz celebrarán este tempo de Defuntos con magostos, contacontos e boa música tradicional. O ano pasado xa tivemos ocasión de facelo e contamos coa presenza dun grande experto nestas temáticas, o antropólogo Rafa Quintía, cuxa completa conferencia sobre o mundo das ánimas e os defuntos podedes ver íntegra (malia a escasa calidade do son) aquí: https://www.youtube.com/watch?v=5Q_CyyEf1h4
    Besarkada handi bat Euskal Herrira!

  2. Pingback: Magosto, Magusto e Castanyada | Galicien Zentrum der Universität Heidelberg

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s