E como se traducirá “pequerrechiña” ao alemán?

Imos a inaugurar unha nova sección dentro do blogue: “Traducir o intraducible? Os tránsitos entre o galego e o alemán”. Dentro do menú, estará en proxectos>obradoiro de tradución. Xogaremos coas palabras e expresións que nos vaian saíndo no transcurso das clases e non lle deamos atopado unha tradución ao alemán. E cando entre unhas poucas non se chega a bo porto, daquela que mellor forma que acudir á comunidade para solucionar os problemas.

Imos ao choio!

Posiblemente, unha das cousas máis difíciles é como trasladar dun idioma a outro a afectividade. En galego os diminutivos teñen ese valor. Existen moitos. Se collemos a Gramática galega de Álvarez, Monteagudo e Regueira (1986), algúns deles son:

  • (-iñ-o / -iñ-a). De “mozo/a” (Freund; Junge, Mädchen; junger Mann, junge Frau): mociño ou mociña.
  • (-ol-o / –ol-a). De “pequeno/a”: pequenolo, pequenola.
  • (-ech-o / –ech-a). De “pequeno/a”: pequecho, pequecha.
  • (-uch-o / –uch-a). Inda que ademais do carácter diminutivo, ten un carácter pexorativo. Por exemplo, de “leira” (Feld), temos “leirucho” ou “leirucha”.

Se queredes máis información sobre o tema dos diminutivos, clica aquí.

Moitas veces, o uso dos diminutivos en galego, máis ca unha disminución do tamaño da palabra a que acompaña o sufixo (poñamos por caso: mociño), ten unha función emocional e afectiva que predomina por riba da diminución.

Tamén se pode dar a circunstancia de que se acumulen varios sufixos diminutivos coa función de intensificar o valor do diminutivo, amais de ser moi típica da linguaxe infantil. Un caso típico é a dúbida que nos ocupa hoxe. Por unha banda, a partir de “pequeno” (Klein) podemos formar un diminutivo co sufixo -echo/a: pequerrecho e, pola outra, a partir do sufixo -iño/a, podemos ter pequeniño. Ora ben, tamén se pode combinar os dous sufixos -echo/a e -iño/a. E, deste xeito, chegamos a palabra que nos interesa pequerrechiña.

Estamos a traducir un artigo xornalístico de Débora Campos en Luzes de Galicia, “O home que venceu a Franco“. Daquela ese pequerrechiña como quedaría mellor en alemán? Velaquí o contexto:

A cunca ten un tamaño singular. Non vai coas do seu talle, as do café, que son pequenas. Pero tampouco casa coas grandes, as do té. «Daquela, facíanse os xogos a pedido e meu pai mercara as doce pezas tradicionais co seu pratiño e mais esta enorme para el beber nela ao seu gusto e tamén unha moi pequerrechiña para min, que era o mais cativo dos fillos», lembra Darío Rivas, 93 anos, na serenidade dun serán no extrarradio da cidade de Bos Aires á que chegou de Lugo en 1930. Aínda que aquí o tempo parou hai ben horas, as referencias din que só nesta semana, este galego que agora garda a cunca nunha vitrina con dedos rápidos, participou en catro actos e pasou dúas veces polos tribunais porteños acompañando novos declarantes na querela que presentou en 2010 para investigar os crimes do franquismo.

Poderíase usar “kleinigkeiten” (por exemplo, a escritora galega María Reimóndez ten un libro de poemas en alemán con este mesmo título, Kleinigkeiten)? Usaríase o sufixo -chen ou -lein? Ou unha combinación deles? Pero isto como quedaría en alemán, entenderíase ou non? Quedaría cunha linguaxe demasiado infantil para un artigo xornalístico?

Deixade os vosos comentarios a ver se chegamos a unha solución. Grazas pola vosa colaboración

Advertisements

2 reflexións sobre “E como se traducirá “pequerrechiña” ao alemán?

  1. Con respecto á tradución de “pequerrechiña”, eu proporía recorrer, non aos sufixos, senón a partículas que no alemán poidan trasladar certa afectividade e, ao mesmo tempo, intensificar a carga semántica do adxectivo. Estou pensando nunha expresión así como “eine recht schön kleine…”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s